Formada en interpretación, voz e violín, conta cunha ampla traxectoria como actriz en teatro, cine e televisión. Traballou durante sete tempadas na serie da TVG Pazo de Familia, personaxe pola que foi finalista en dúas ocasións ós Premios Mestre Mateo como Mellor Actriz de Reparto e tamén participou noutras series como O Faro (TVG), Serramoura (TVG), Auga Seca (HBO) ou Élite (Netflix).
Recentemente foi un dos personaxes principais da serie Saudade de Ti (TVG).
En cine participou, entre outras, na longametraxe Tres, de Juanjo Giménez Peña, en Bad Investigate, da produtora portuguesa Lightbox Filmes e protagonizou Pelerinaxes, longametraxe documental dirixido por Simone Saibene.
Complementa a súa faceta como actriz somerxéndose no mundo dos monólogos cómicos estreando no 2019 Outras Químicas. Actualmente ten dous espectáculos humorísticos en cartel xunto a Marta Doviro e Ledicia Sola: Sen restricións, co que debutaron inaugurando as Festas do Apóstolo do ano 2021, e As R(h)umorosas, co que están xirando por toda Galicia.
No 2024 estreouse na dirección coa curtametraxe documental Pura, que foi galardoada en diferentes festivais e acadou no 2025 o Premio Mestre Mateo a Mellor Curtametraxe.